domingo, 10 de julio de 2011

Nota sobre o Via Stellae 2011

A sexta edición do festival Via Stellae sufriu un recorte brutal. O seu orzamento minguou un 70% e o número de concertos pasou de 125 a 14; todos os concertos que se celebraban nas localidades galegas relacionadas cos distintos camiños desapareceron e nestas dúas semanas só haberá actuacións en Santiago. Máis aló das cifras, a súa calidade resentiuse sen remedio, a pesar do esforzado e imaxinativo labor do seu loable director. Dous detalles menores pero significativos: o estupendo libro co programa completo do festival xa non se edita e no concerto inaugural non houbo para Ann Hallenberg, que deu mostras da súa xenerosidade ofrecendo tres bis ao público, nin un mísero ramo de flores (sen comentarios). No 2011, bautizado sen ningunha fortuna polo goberno galego como o “Ano da música en Galicia”, o festival pode considerarse en perigo de extinción.

A culpa non está na crise nin nos odiosos mercados. Nada teriamos que dicir se os cartos que se di aforrar se dedicaran, agora ou no futuro, a atender necesidades máis básicas de tantas persoas que o precisan. Pero non foi así, nin moito menos. Que ninguén insista nisto, por favor.

Non, a culpa está en nós mesmos. Quixeramos non crer que o pecado do festival foi nacer nun tempo (baixo o mandato dun goberno de distinto signo) e nun lugar (Santiago e os seus camiños) equivocados. Pero, á marxe de ociosas especulacións, hai algo que está á vista e non se pode agochar: os orzamentos da Xunta de Galicia e da súa Consellería de Cultura.

Por citar tan só un exemplo e circunscribíndonos á música clásica, é un feito constatado que este ano se empregaron bastantes máis cartos nunha serie de concertos que, cunha pompa relambida propia de novos ricos, agrupa, sen criterio sólido e baixo unha denominación de dubidoso gusto, a artistas rechamantes, ao alcance só duns poucos privilexiados con ganas de consumir unha hora de teléfono para adquirir, a elevado prezo, as poucas localidades que saíron á venda, porque as restantes (e as mellores) foron previamente reservadas a políticos, supostos persoeiros, enchufados e demais familia.

Potenciar este efémero sucedáneo cheo de pretensións, fabricado coa deshonesta finalidade de botar ao vulgo carnaza en forma de delicatessen, e sacrificar, a cambio, un coidado festival recoñecido en Europa, que sabe o que é e o que representa, que mira con humildade e respecto á música e ao seu variado público, ao que ofrece entradas accesibles e gratuítas (este ano, menos), e que en poucos anos conseguiu arraigar e dar froitos, é unha decisión equivocada que temos todo o dereito a criticar. En tempos de crise, erros coma este constitúen o maior despilfarro.

Isto non é ningunha traxedia e talvez non deba dicirse que estamos indignados. Por outra parte, á nosa honrosa idade, xa só caben a tristeza e o fastío.

Algúns dos afeccionados ao festival, os máis veteranos que desde o principio o apoiaron e os verdadeiros amantes da música, non asistirán este ano, quizais por pudor, quizais porque o triste espectáculo dunha criatura moribunda resulta cruel ou indigno para os seus ollos indefensos.

Outros, poida que os máis inxenuos, decidimos seguir acudindo, porque non nos resistimos a saborear as poucas cousas boas que a pesar de todo se acadaron (traballo custaría) e porque non abandonamos de todo a esperanza de que poidan vir tempos mellores, se ao director lle quedan forzas e ánimo para seguir adiante e, sobre todo, se a envexa e a estupidez humanas así o permiten.

Un afeccionado ao Via Stellae.


We are all in the gutter, but some of us are looking at the stars.
Oscar Wilde

1 comentario:

  1. Sí señor, hai que ser reivindicativos cando estamos convencidos de que hai que selo. En calquera caso, cando a intención se acompaña dunha explicación tan lograda coma esta, puco máis se pode facer que felicitar e animar ó autor. Pasarei a información a posibles interesad@s que coñeza. Apertas

    ResponderEliminar